Amor é unha palabra coma outra calquera... ou non.
Carla, a protagonista desta novela, organiza a vida arredor do amor, do seu amor, do amor co que vive, do amor que soña, do amor que lle falta. O amor aprendido nas películas rosa, nas cancións melódicas, nas novelas cursis. Carla, en definitiva, organiza a vida arredor de seu home, pero, que acontece cando ese centro de gravidade un día colle a porta e marcha?, e que acontece se, ademais, un cadáver aparece dentro da casa para acabar de darlle a volta a todo? Unha novela de amor contra o amor. Porque amor é unha palabra coma outra calquera. Ou non.
Francisco Castro
Francisco Castro (Vigo, 1966) director xeral da Editorial Galaxia. En 2010 foi elixido presidente da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix). É un dos narradores galegos que comezaron a publicar no inicio do século XXI. A súa narrativa destaca pola orixinalidade á hora de abordar xéneros moi diferentes. É autor do libro de relatos eróticos Xeografías, de A canción do náufrago, ambos de 2001, e do relato histórico Memorial do infortunio. En 2004 publicou Xeración perdida, novela coa que adentra ao lector no mundo das drogas, e Un bosque cheo de faias, que gañou o Premio Frei Martín Sarmiento. Recibiu en 2006 o Premio Blanco Amor de novela longa con Spam que publica Galaxia. En 2007 resultou gañador do Premio de Novela Manuel García Barros, concedido polo Concello da Estrada, coa novela As palabras da néboa, publicado por Editorial Galaxia. No mesmo ano publica 'O ceo dos afogados' que foi finalista do premio Fundación Caixa Galicia e que recibiría o Frei Martín Sarmiento como mellor libro do ano. En 2009 obtivo o Primeiro Accésit e Pluma de Prata no I Certame de Xornalismo de Opinión Raimundo García ‘Borobó’ polo seu artigo titulado ‘Borobó despedido’. No eido da narrativa infantil e xuvenil é autor de 'Chamádeme Simbad' (2009), Premio Frei Martín Sarmiento e lista de Honra do IBBY, e 'O segredo de Marco Polo' (2010). En 2013 resultou gañador do Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia pola súa obra 'O corazón da Branca de Neve' e, en 2014, publicou a novela xuvenil 'Tes ata as 10', obra que recibiría o Premio Frei Martín Sarmiento en 2016. En 2018 entrou a formar parte da sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega.
Ver ficha de Francisco Castro »